Parasitos no peixe: como consumir peixe con seguridade

Coñecer os riscos e aplicar boas prácticas de conservación e manipulación son claves para desfrutar do peixe con todas as garantías.

Cando falamos de peixe fresco e de calidade, tamén é importante falar de seguridade alimentaria. Entre os parasitos que poden aparecer nalgunhas especies mariñas, o máis coñecido é o anisakis, un verme presente de maneira natural no medio mariño e que pode atoparse en diferentes peixes e cefalópodos. Pero a súa presenza non debe alarmarnos: existen controis, tratamentos e boas prácticas que permiten consumir peixe con total seguridade.

O anisakis é un nematodo, é dicir, un verme de corpo alongado e abrancuxado, que adoita localizarse nas vísceras dos peixes e, en ocasións, tamén na musculatura. As especies máis afectadas poden ser a pescada, a xarda, o xurelo, a sardiña, o bacallao ou a lura, entre outras.

Nas persoas, a inxestión accidental de larvas vivas pode provocar anisakidose, unha enfermidade que causa dor abdominal, náuseas ou vómitos. Ademais, algunhas persoas poden desenvolver reaccións alérxicas. Por iso, toda a cadea do sector pesqueiro aplica medidas de prevención e control, desde a captura ata a venda.

A correcta evisceración do peixe é unha das medidas máis importantes. Canto antes se retiren as vísceras despois da captura, menor será a probabilidade de que as larvas migren cara ao músculo. Tamén son fundamentais a conservación en frío, a inspección visual e os controis sanitarios obrigatorios antes da comercialización. A normativa europea prohibe expresamente a venda de peixe claramente parasitado e establece controis ao longo de toda a cadea alimentaria.

No fogar, tamén podemos seguir unhas recomendacións sinxelas para consumir peixe con tranquilidade. O tratamento térmico adecuado elimina o risco. No caso de preparacións en cru ou semicru, como sushi, ceviche, peixe mariñado ou afumados en frío, recoméndase conxelar previamente o produto a -20 ºC durante unha semana en conxeladores domésticos de catro estrelas, ou compralo xa conxelado.

Cómpre lembrar que os produtos procesados, como os afumados en quente, as salgaduras ou os produtos pasteurizados, son seguros.

Para saber máis sobre o anisakis, compartimos esta infografía divulgativa, na que se explica que é, como se controla e que recomendacións debemos seguir para garantir un consumo seguro e responsable.