Proxecto PERIZIA

No artigo deste mes, Luis Taboada Antelo, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), e Fabián Ben Conde, da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, presentan os avances do proxecto PERIZIA, centrado na conservación e explotación sostible do ourizo en Galicia.

O traballo analiza a situación deste recurso e expón a aplicación de tecnoloxías innovadoras que permiten obter datos obxectivos sobre as poboacións co fin de mellorar a toma de decisións na súa xestión.

O resultado evidencia a utilidade destas ferramentas para xerar información precisa e aplicable, e senta as bases dunha xestión máis eficiente, transparente e baseada en datos.

Podes ler o artigo aquí.

A receita do mes: Vieira con manteiga de améndoas e vinagreta de pistacho

A vieira galega convértese na protagonista desta proposta gastronómica asinada polo cociñeiro Marcos Arufe, de Espazo Remollo. Unha receita que aposta polo produto e pola súa esencia, combinado con elaboracións sutís que realzan o seu sabor sen enmascaralo. A manteiga de améndoas achega cremosidade e suavidade, mentres que a vinagreta de pistacho incorpora matices frescos e lixeiramente ácidos, e fan que acade un equilibrio perfecto no prato.

Esta creación formou parte do showcooking “Galicia sabe amar, pescadeRías: de proximidade e con selo propio”, celebrado na pasada edición de Gastrónoma Valencia, que puxo en valor a calidade e versatilidade da vieira galega.

Podes ver a receita completa aquí.