A receita do mes: Navalla con miso de albariño e maionesa de alga codium

O cociñeiro Ángel Parada, colaborador de Espazo Remollo, presentou esta proposta culinaria na aula de catas do Salón Gourmets 2026: navalla con miso de albariño e maionesa de alga codium.

Trátase dunha receita delicada na que as navallas son as protagonistas, acompañadas por unha velouté de albariño e miso, e unha maionesa de codium. Estes ingredientes achegan equilibrio, profundidade e matices, de xeito que realzan o sabor do produto sen enmascaralo. A proposta destaca pola súa coidada execución e polo respecto ao produto, ao combinar técnica culinaria e creatividade cun enfoque contemporáneo.

Un prato que pon en valor o potencial gastronómico deste produto.

Podes ver a receita completa aquí.

Nova pílula formativa sobre anisakis

A marca pescadeRías de onde se non? vén de lanzar a primeira dunha serie de pílulas formativas dirixidas ao persoal das entidades usuarias, co obxectivo de reforzar os coñecementos en ámbitos clave como a seguridade alimentaria, a trazabilidade, a manipulación e hixiene, os envases, a xestión de residuos e a lexislación vixente.

Esta nova liña de materiais divulgativos preséntase en formato visual e accesible, facilitando a súa aplicación práctica no traballo diario ao longo de toda a cadea de valor.

A primeira pílula, en formato infografía, está centrada no anisakis. Inclúe información sobre que é, as patoloxías asociadas, a súa presenza nos peixes, o ciclo de vida e as principais medidas de control, tanto a bordo como en terra e nos puntos de venda, así como métodos de inactivación e recomendacións para as persoas consumidoras.

Podes acceder á infografía aquí.