Plan de xestión do polbo 2026-2027

A Consellería do Mar vén de publicar a resolución pola que se aproba o Plan experimental para a xestión do polbo (Octopus vulgaris) para a campaña 2026/2027, que reforza un modelo baseado na sustentabilidade e na adaptación ao ciclo biolóxico da especie.

Entre as novidades destaca a limitación da pesca accesoria, medida que supón un avance relevante na protección do recurso. Mantense o peso mínimo de captura en 1 quilo por peza e establécense cotas diferenciadas ao longo da campaña para evitar a saturación do mercado.

Así, entre xullo e agosto o tope será menor, e incrementarase a partir de setembro. Ademais, fíxanse horarios de actividade regulados e mantense a veda previa como elemento clave de xestión.

Accede ao plan aquí.

Aperturas e peches de campaña

O pasado 30 de abril rematou a campaña do ourizo na confrarías con plan de xestión ou integradas en plans conxuntos.

Durante a campaña capturáronse 434 Tm desta especie. A Confraría de Carreira e Aguiño, co 10,48% do volume comercializado, liderou a primeira venda. A continuación, entre o 8-9% do volume de primeira venda sitúanse as lonxas de Lira, Baiona e Malpica.

Pola súa banda, o polbo iniciou o seu período de paro biolóxico, que se estenderá ata o 1 de xullo, para favorecer a explotación responsable da especie.

En paralelo, prevese a apertura da campaña da zamburiña na ría de Ferrol durante a primeira quincena de maio, condicionada aos resultados das análises de toxicidade.

Novo baremo do Permex

A Consellería do Mar aprobou un novo baremo para a obtención do permiso de explotación para o marisqueo a pé, co obxectivo de mellorar a valoración das solicitudes e reducir os empates que obrigaban a resolver mediante sorteo.

O novo sistema introduce cambios na ponderación da formación, a experiencia profesional e o empadroamento, e reforza criterios vinculados á capacitación e ao coñecemento do sector. Ademais, recoñécense novas actividades formativas como mérito.

Esta actualización, que substitúe ao baremo vixente desde 2013, busca facer o proceso máis obxectivo e adaptado á realidade actual do marisqueo en Galicia.

Accede ao novo baremo aquí.

Especie do mes: a navalla

A especie do mes é a navalla (Ensis magnus), un molusco bivalvo moi apreciado na gastronomía galega pola súa textura e sabor delicado. Caracterízase pola súa cuncha alongada e arqueada, que lembra á forma dunha navalla.

Habita enterrada en fondos de area e grava, en zonas intermareais e infralitorais, onde se captura habitualmente a mergullo. Trátase dun organismo rico en proteínas, vitaminas e minerais, cun baixo contido en graxas.

A navalla destaca tamén pola súa versatilidade na cociña, sendo á prancha unha das preparacións máis populares, aínda que admite múltiples elaboracións que realzan o seu carácter mariño.

Amplía aquí a información.

A entidade do mes: Confraría de Pescadores do Porto do Son

A Confraría de Pescadores do Porto do Son conta coa certificación da marca pescadeRías de onde se non? desde 2021 para a comercialización en primeira venda de cefalópodos, bivalvos, peixes, crustáceos e equinodermos.

Durante o ano 2025, a súa lonxa acadou un volume de comercialización de 1.173.494 quilos, cun valor total de 1.648.813 euros.

A maior parte das vendas corresponderon a peixes, seguidos de crustáceos, cefalópodos e equinodermos. Neste contexto, o peixe azul destaca como principal recurso, cun peso moi significativo de especies como o xurelo, o bocarte e a sardiña, que representan o 90 % do volume total comercializado.

Este ano a confraría comezou a etiquetaxe individual para os peixes de maior tamaño.

Rede Galega de Escolas Azuis

O artigo do mes presenta a iniciativa da Rede Galega de Escolas Azuis (RGEA), unha alianza que conecta os ecosistemas acuáticos coas novas xeracións a través da educación. O texto está asinado por Andreu Blanco, en colaboración coas entidades que integran a rede.

Impulsada polo proxecto NEREIDA e coordinada polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, a RGEA reúne institucións científicas e axentes do sector para achegar o mar, os ríos e a súa cultura ao alumnado.

A rede, aberta a novas colaboracións, promove a participación do sector pesqueiro na formación, fortalecendo o vínculo entre coñecemento, territorio e sustentabilidade.

Para ler o artigo e coñecer como podes colaborar coa RGEA, preme aquí.

A receita do mes: Navalla con miso de albariño e maionesa de alga codium

O cociñeiro Ángel Parada, colaborador de Espazo Remollo, presentou esta proposta culinaria na aula de catas do Salón Gourmets 2026: navalla con miso de albariño e maionesa de alga codium.

Trátase dunha receita delicada na que as navallas son as protagonistas, acompañadas por unha velouté de albariño e miso, e unha maionesa de codium. Estes ingredientes achegan equilibrio, profundidade e matices, de xeito que realzan o sabor do produto sen enmascaralo. A proposta destaca pola súa coidada execución e polo respecto ao produto, ao combinar técnica culinaria e creatividade cun enfoque contemporáneo.

Un prato que pon en valor o potencial gastronómico deste produto.

Podes ver a receita completa aquí.

Nova pílula formativa sobre anisakis

A marca pescadeRías de onde se non? vén de lanzar a primeira dunha serie de pílulas formativas dirixidas ao persoal das entidades usuarias, co obxectivo de reforzar os coñecementos en ámbitos clave como a seguridade alimentaria, a trazabilidade, a manipulación e hixiene, os envases, a xestión de residuos e a lexislación vixente.

Esta nova liña de materiais divulgativos preséntase en formato visual e accesible, facilitando a súa aplicación práctica no traballo diario ao longo de toda a cadea de valor.

A primeira pílula, en formato infografía, está centrada no anisakis. Inclúe información sobre que é, as patoloxías asociadas, a súa presenza nos peixes, o ciclo de vida e as principais medidas de control, tanto a bordo como en terra e nos puntos de venda, así como métodos de inactivación e recomendacións para as persoas consumidoras.

Podes acceder á infografía aquí.