Novo membro da Tripulación pescadeRías: Iago Conde

Este mes incorporamos á Tripulación pescadeRías a Iago Conde, director comercial e de marketing de Real Conservera Española S.L.

Falamos con Iago do seu traballo, da importancia das marcas e da evolución das conservas artesanais de peixes e mariscos, que pasaron de ser consideradas un formato case de supervivencia a ocupar un lugar destacado na gastronomía e ser consideradas hoxe un produto premium.

Tamén descubrimos como se elaboran estas conservas, o valor da materia prima procedente da pesca artesanal galega e o latoturismo como unha nova forma de achegarse á tradición e á cultura conserveira galega. A reportaxe, aquí!

A especie do mes: caramuxo

O caramuxo (Littorina littorea) é un pequeno molusco gasterópodo que vive sobre fondos rochosos, desde a zona intermareal ata os 40-50 metros de profundidade. A súa captura realízase a pé durante a baixamar, coa axuda de rasquetas ou coitelos, e está regulada polos plans de explotación de marisqueo.

Moi apreciado como aperitivo, consómese habitualmente cocido e a súa carne extráese da cuncha coa axuda dun alfinete. Ademais, o caramuxo forma parte da nosa cultura gastronómica desde hai séculos: atopáronse cunchas desta especie en xacementos castrexos.

Descubre na nosa ficha máis curiosidades sobre o caramuxo, as súas propiedades nutricionais e como consumilo. Podes consultala aquí.

Entidade do mes: Frigoríficos Moldes

Este mes destacamos Frigoríficos Moldes S.L., empresa certificada desde 2015 co selo pescadeRías de onde se non? para a transformación de cefalópodos.

O seu produto estrela é o polbo conxelado, que comercializa baixo a marca Congelados La Marina. O produto envásase respectando a súa calidade e frescura, sen ningún tipo de aditivos.

Desde as súas instalacións en Pontevedra, Frigoríficos Moldes abastece diferentes canles de comercialización, como hostalaría e restauración, tendas, cadeas de supermercados e colectividades.

A certificación permite que os cefalópodos amparados pola marca manteñan a súa identificación e trazabilidade ao longo da cadea de comercialización. Deste xeito,  as persoas consumidoras poden coñecer a procedencia dos produtos do mar no momento de facer as súas compras.

Concurso da Empanada Mariñeira de Portonovo

O domingo 20 de setembro, a Lonxa de Portonovo acollerá o Concurso da Empanada Mariñeira, unha iniciativa que busca poñer en valor os produtos da pesca local e a súa tradición gastronómica. O concurso celébrase no marco da VIII Festa da Empanada Mariñeira que organiza a Confraría de Pescadores de Portonovo.

As empanadas deberán ter como ingrediente principal peixes, moluscos ou mariscos da ría amparados pola marca pescadeRías de onde se non? e poderán elaborarse con masa de trigo, millo ou en timbal.

A inscrición é gratuíta e estará aberta ata o propio domingo ás 17:00 h no punto de información instalado na lonxa.

Consulta as bases e o programa aquí.

A receita do mes: xurelo afumado sobre auga de tomate, cogombro e aceite de alfábega

O xurelo é o protagonista da receita deste mes, unha proposta fresca e sorprendente que Alejandro Iglesias, de Alex Iglesias Gastro (Lalín), presentou na última edición do Salón Gourmets.

O prato combina xurelo afumado en frío cunha delicada auga de tomate, dados de cogombro, raviños, algas e gromos de fiúncho ou aneto. O toque final pono un aceite de alfábega que achega cor, aroma e frescura ao conxunto.

Unha elaboración que aproveita a intensidade e a textura dun dos nosos peixes azuis máis apreciados e o combina con ingredientes frescos para conseguir un prato lixeiro, equilibrado e moi saboroso.

Consulta a receita completa aquí e anímate a preparala na casa!

Entregáronse os premios do sorteo de verán de pescadeRías de onde se non?

As gañadoras do sorteo de verán de pescadeRías de onde se non?, celebrado durante o mes de agosto nas nosas redes sociais, xa teñen os seus premios.

Lola González, gañadora do sorteo realizado en Facebook, e Ángela Barrán, premiada entre as persoas participantes en Instagram, recibiron cadanseu lote de agasallos da marca.

Con esta iniciativa quixemos agradecer a participación e a fidelidade da comunidade que nos acompaña nas redes sociais e, ao mesmo tempo, seguir dando a coñecer pescadeRías de onde se non? e os valores que representa.

Durante todo o ano, as nosas canles en Facebook e Instagram achegan información sobre as especies que se capturan nas nosas rías, receitas de cociña, entidades certificadas pola marca, actividades de promoción e divulgación, e o traballo das persoas que forman parte da pesca artesanal galega.

Moitas grazas a todas as persoas que participastes no sorteo e parabéns a Lola e Ángela!