A receita do mes: sopa de pataca con polbo e terra de tomate

Polbo, pataca e tomate protagonizan a receita que nos propón este mes Criselda Iglesias, cociñeira de Espazo Gastronómico Remollo. Un prato que Criselda elaborou na última edición de Salimat e que combina produto galego cunha presentación diferente.

A intensidade do polbo acompáñase da suavidade dunha sopa cremosa de pataca Kennebec e lacón, mentres que a terra de tomate achega un toque crocante e un contraste de sabor e cor.

Unha proposta orixinal para gozar do polbo dun xeito diferente e que, ademais, está elaborada con ingredientes sen glute.

Podes ver os ingredientes e a elaboración paso a paso da receita aquí.

A pesca artesanal reforza a súa presenza nas grandes citas profesionais do outono

Outubro chega cunha intensa axenda feiral para o sector do mar galego, con presenza en destacados encontros nacionais e internacionais. Entre eles sobresae Conxemar, en Vigo, unha cita clave para a comercialización e promoción dos produtos do mar. A Consellería do Mar estará presente en dous pavillóns: un stand institucional no pavillón 4 e dúas illas no pavillón 5, onde se situarán 16 entidades comercializadoras de produtos do mar. Entre elas, cinco usuarias da marca pescadeRías de onde se non?: Mariscos Daporta S.L., El Percebeiro S.L., Porto-Muiños S.L., HQ Seaweed S.L. e a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre.

A presenza dos produtos da pesca artesanal estenderase a outras citas profesionais. En San Sebastián Gastronomika estarán a Organización de Produtores Pesqueiros de Noia (OPP Noia) e Marítima de Hoteles y Restaurantes S.L, e a Gastrónoma Valencia acudirán Costas y Miñán S.L. e a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre.

Pola súa banda, SIAL París contará coa participación de Porto-Muiños S.L., Costas y Miñán S.L., Conservas Portomar S.L.U. e Conservas La Brújula S.L. A proxección internacional do sector en outubro completarase coa participación na China Fisheries & Seafood Expo.

A comezos de novembro celebraráse o Fórum Gastronómico de Barcelona, no que participarán El Percebeiro S.L., Costas y Miñán S.L., Marítima de Hoteles y Restaurantes S.L. e a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre.

Estas citas constitúen un importante escaparate para os produtos da pesca artesanal galega: contribúen a poñer en valor a súa orixe, frescura e trazabilidade e introdúceos a novos mercados e profesionais do sector.