Aperturas e peches

O cambio de tempada vén marcado por aperturas e peches de campañas nas nosas rías.

A volandeira (Aequipecten opercularis) despediuse dos mercados o 31 de marzo na Ría de Arousa cunha campaña destacada: 423.801 quilos e 1.822.770 euros de facturación. Na mesma data pechou tamén o lumbrigante (Homarus gammarus), con 12.844 quilos e 536.868 euros.

O 1 de abril abriu a campaña da lagosta (Palinurus elephas), mentres que en marzo comezou a extracción de vieira (Pecten maximus) na Ría de Vigo, con oito embarcacións das confrarías de Cangas e Redondela, e un obxectivo de 7.500 quilos. A súa transformación realízase en Porto de Cambados S.L. con todas as garantías sanitarias.

Entidade de do mes: Majeja Mariscos

A entidade do mes é Majeja Mariscos S.L, empresa situada en Sanxenxo, que obtivo o selo pescadeRías de onde se non? en 2023. A súa certificación abrangue as actividades de depuradora, cetárea, axente distribuidor e transformador, cun alcance que inclúe peixes, cefalópodos, bivalvos e crustáceos.

A súa actividade baséase na selección rigorosa de materias primas, e a aposta por produtos frescos procedentes das principais lonxas de Galicia. A presenza diaria nestes puntos de venda permítelle escoller exemplares de máxima calidade, capturados con artes tradicionais.

Na actualidade, a empresa centra a súa actividade no canal da restauración, e ofrece un servizo adaptado ás necesidades dos seus clientes, aos que garante un produto fresco, trazable e de alta calidade.

Especie do mes: o peixe sapo

A especie do mes é o peixe sapo (Lophius budegassa), tamén coñecido como rape negro, un peixe característico das nosas rías e moi valorado na gastronomía galega.

Trátase dunha especie demersal que vive semienterrada en fondos de area e lama, entre os 20 e os 500 metros de profundidade.

Destaca pola súa cabeza grande e boca ampla, así como pola súa capacidade de atraer presas mediante un apéndice que emprega como cebo. Aliméntase principalmente de peixes e cefalópodos.

A súa carne branca, firme e de gran calidade nutricional, rica en proteínas e baixa en graxas, convérteo nun produto moi apreciado no mercado e na cociña.

Podes ampliar a información aquí.

Proxecto PERIZIA

No artigo deste mes, Luis Taboada Antelo, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), e Fabián Ben Conde, da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, presentan os avances do proxecto PERIZIA, centrado na conservación e explotación sostible do ourizo en Galicia.

O traballo analiza a situación deste recurso e expón a aplicación de tecnoloxías innovadoras que permiten obter datos obxectivos sobre as poboacións co fin de mellorar a toma de decisións na súa xestión.

O resultado evidencia a utilidade destas ferramentas para xerar información precisa e aplicable, e senta as bases dunha xestión máis eficiente, transparente e baseada en datos.

Podes ler o artigo aquí.

A receita do mes: Vieira con manteiga de améndoas e vinagreta de pistacho

A vieira galega convértese na protagonista desta proposta gastronómica asinada polo cociñeiro Marcos Arufe, de Espazo Remollo. Unha receita que aposta polo produto e pola súa esencia, combinado con elaboracións sutís que realzan o seu sabor sen enmascaralo. A manteiga de améndoas achega cremosidade e suavidade, mentres que a vinagreta de pistacho incorpora matices frescos e lixeiramente ácidos, e fan que acade un equilibrio perfecto no prato.

Esta creación formou parte do showcooking “Galicia sabe amar, pescadeRías: de proximidade e con selo propio”, celebrado na pasada edición de Gastrónoma Valencia, que puxo en valor a calidade e versatilidade da vieira galega.

Podes ver a receita completa aquí.

pescadeRías de onde se non? acada cifras récord e consolida o seu crecemento en 2025

A marca supera as 19.300 toneladas certificadas e reforza a súa rede de entidades e presenza nas lonxas galegas

A marca pescadeRías de onde se non? pechou o ano 2025 con resultados históricos que consolidan o seu papel como selo de referencia para o produto do mar galego. Durante o pasado exercicio certificáronse arredor de 19.300 toneladas de peixe e marisco, o que supón un incremento do 27,45 % respecto ao ano anterior e o segundo mellor rexistro desde a súa creación.

Este crecemento reflíctese tamén na estrutura da marca, que conta cunha ampla rede de 541 entidades, das cales 144 están certificadas e 397 adheridas. Este ecosistema inclúe lonxas, distribuidores, centros de depuración e empresas transformadoras, así como comerciantes e restauradores comprometidos coa trazabilidade e a calidade do produto.

No ámbito da comercialización, destacan as lonxas de Ribeira, Portosín, Portonovo e Corcubión como principais puntos de primeira venda certificada, que concentran unha parte significativa do volume total. En canto á tipoloxía de produtos, os peixes continúan a liderar a distribución cun 75,31 %, seguidos dos bivalvos (14,47 %) e dos cefalópodos (5,39 %).

Estas cifras confirman a consolidación da marca como garantía de orixe, frescura e sustentabilidade, o que reforza a diferenciación no mercado dos produtos procedentes da pesca artesanal galega e achega valor a toda a cadea.