Formación para futuros profesionais de peixerías na Confraría de Ferrol

As instalacións da Confraría de Pescadores de Ferrol acollen actualmente un curso de peixería dirixido á formación de novos profesionais para o sector. Esta iniciativa, organizada e promovida polo Concello de Ferrol, conta coa participación de 11 persoas de distintas nacionalidades, e favorece a integración e a capacitación laboral.

O curso ten un enfoque eminentemente práctico e inclúe un período de prácticas en establecementos comerciais, que se desenvolverá nas próximas semanas. Esta acción formativa dá resposta á crecente demanda de persoal cualificado no ámbito da venda de peixe, un perfil clave para garantir o relevo xeracional nas peixeirías tradicionais, tanto nas prazas de abastos como noutros puntos de venda especializados.

Hotel Restaurante Javier Montero

Damos a benvida á marca ao Hotel Restaurante Javier Montero, situado en Ribadeo (Lugo), que se incorpora coa súa aposta por unha cociña tradicional creativa.

Á fronte está Javier Montero, quen combina a súa experiencia profesional coas raíces da cociña herdada da súa nai, o que da lugar a unha proposta innovadora e con identidade propia. A súa oferta gastronómica baséase en produtos de tempada e de proximidade, e adáptase á dispoñibilidade do mercado en cada momento.

Os menús degustación evolucionan ao longo do ano, mentres que o equipo de sala ofrece un asesoramento personalizado para a selección de viños, completando así unha experiencia coidada e de calidade.

Envimar obtén a certificación ISO 22000:2018

Grupo Envimar NW S.L., empresa distribuidora situada na lonxa de Ribeira e certificada pola marca pescadeRías de onde se non?, vén de obter a certificación, o que reforza o seu compromiso coa seguridade alimentaria no sector pesqueiro.

Esta norma internacional garante un control rigoroso da inocuidade e da trazabilidade ao longo de toda a cadea, desde a recepción ata a entrega de produto fresco e conxelado. O sistema integra os principios APPCC e aposta pola mellora continua dos procesos.

Con este recoñecemento, Envimar consolídase como unha empresa aliñada cos máis altos estándares internacionais, ofrecendo unha garantía adicional de calidade e confianza para clientes e distribuidores.

Paula Pardo en Tripulación PescadeRías

Neste novo capítulo de Tripulación PescadeRías, coñeceremos de preto o traballo de Paula Pardo, oceanógrafa e técnica de prevención da Asociación Mar Seguro de Galicia.

Paula explicaranos o seu papel no servizo de prevención mancomunado e os principais riscos aos que se enfrontan as tripulacións da pesca de baixura. Tamén abordará as accións que desenvolve no ámbito da prevención en actividades de pesca e marisqueo, clave para a seguridade do sector.

Ademais, compartirá as incidencias máis habituais do seu día a día, e daranos unha visión próxima e realista da súa experiencia profesional.

Podes ver o vídeo aquí.

Plan de xestión do polbo 2026-2027

A Consellería do Mar vén de publicar a resolución pola que se aproba o Plan experimental para a xestión do polbo (Octopus vulgaris) para a campaña 2026/2027, que reforza un modelo baseado na sustentabilidade e na adaptación ao ciclo biolóxico da especie.

Entre as novidades destaca a limitación da pesca accesoria, medida que supón un avance relevante na protección do recurso. Mantense o peso mínimo de captura en 1 quilo por peza e establécense cotas diferenciadas ao longo da campaña para evitar a saturación do mercado.

Así, entre xullo e agosto o tope será menor, e incrementarase a partir de setembro. Ademais, fíxanse horarios de actividade regulados e mantense a veda previa como elemento clave de xestión.

Accede ao plan aquí.

Aperturas e peches de campaña

O pasado 30 de abril rematou a campaña do ourizo na confrarías con plan de xestión ou integradas en plans conxuntos.

Durante a campaña capturáronse 434 Tm desta especie. A Confraría de Carreira e Aguiño, co 10,48% do volume comercializado, liderou a primeira venda. A continuación, entre o 8-9% do volume de primeira venda sitúanse as lonxas de Lira, Baiona e Malpica.

Pola súa banda, o polbo iniciou o seu período de paro biolóxico, que se estenderá ata o 1 de xullo, para favorecer a explotación responsable da especie.

En paralelo, prevese a apertura da campaña da zamburiña na ría de Ferrol durante a primeira quincena de maio, condicionada aos resultados das análises de toxicidade.

Novo baremo do Permex

A Consellería do Mar aprobou un novo baremo para a obtención do permiso de explotación para o marisqueo a pé, co obxectivo de mellorar a valoración das solicitudes e reducir os empates que obrigaban a resolver mediante sorteo.

O novo sistema introduce cambios na ponderación da formación, a experiencia profesional e o empadroamento, e reforza criterios vinculados á capacitación e ao coñecemento do sector. Ademais, recoñécense novas actividades formativas como mérito.

Esta actualización, que substitúe ao baremo vixente desde 2013, busca facer o proceso máis obxectivo e adaptado á realidade actual do marisqueo en Galicia.

Accede ao novo baremo aquí.

Especie do mes: a navalla

A especie do mes é a navalla (Ensis magnus), un molusco bivalvo moi apreciado na gastronomía galega pola súa textura e sabor delicado. Caracterízase pola súa cuncha alongada e arqueada, que lembra á forma dunha navalla.

Habita enterrada en fondos de area e grava, en zonas intermareais e infralitorais, onde se captura habitualmente a mergullo. Trátase dun organismo rico en proteínas, vitaminas e minerais, cun baixo contido en graxas.

A navalla destaca tamén pola súa versatilidade na cociña, sendo á prancha unha das preparacións máis populares, aínda que admite múltiples elaboracións que realzan o seu carácter mariño.

Amplía aquí a información.

A entidade do mes: Confraría de Pescadores do Porto do Son

A Confraría de Pescadores do Porto do Son conta coa certificación da marca pescadeRías de onde se non? desde 2021 para a comercialización en primeira venda de cefalópodos, bivalvos, peixes, crustáceos e equinodermos.

Durante o ano 2025, a súa lonxa acadou un volume de comercialización de 1.173.494 quilos, cun valor total de 1.648.813 euros.

A maior parte das vendas corresponderon a peixes, seguidos de crustáceos, cefalópodos e equinodermos. Neste contexto, o peixe azul destaca como principal recurso, cun peso moi significativo de especies como o xurelo, o bocarte e a sardiña, que representan o 90 % do volume total comercializado.

Este ano a confraría comezou a etiquetaxe individual para os peixes de maior tamaño.

Rede Galega de Escolas Azuis

O artigo do mes presenta a iniciativa da Rede Galega de Escolas Azuis (RGEA), unha alianza que conecta os ecosistemas acuáticos coas novas xeracións a través da educación. O texto está asinado por Andreu Blanco, en colaboración coas entidades que integran a rede.

Impulsada polo proxecto NEREIDA e coordinada polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, a RGEA reúne institucións científicas e axentes do sector para achegar o mar, os ríos e a súa cultura ao alumnado.

A rede, aberta a novas colaboracións, promove a participación do sector pesqueiro na formación, fortalecendo o vínculo entre coñecemento, territorio e sustentabilidade.

Para ler o artigo e coñecer como podes colaborar coa RGEA, preme aquí.