Xornadas de calidade diferenciada do CIFP Carlos Oroza

Un ano máis, os produtos da pesca artesanal galega co selo pescadeRías de onde se non? estarán presentes nos menús elaborados polo alumnado de hostalaría do CIFP Carlos Oroza nas xornadas dedicadas aos produtos de calidade diferenciada, que se celebrarán ao longo dos meses de maio e xuño.

O alumnado de cociña traballará con navalla fresca, así como con polbo e volandeira en formato conxelado, todos eles produtos certificados que protagonizarán propostas culinarias centradas na orixe e na calidade.

As sesións centradas na pesca artesanal galega desenvolveranse no restaurante Álvaro Cunqueiro do centro os días 15 de maio e 5 de xuño, e tamén na Sociedade Gastronómica do CD Vasconia, en Donostia, o 22 de maio.

Inauguración da Peixería de Barallobre

A Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre inaugurou o pasado mes unha tenda física para reforzar a aposta pola venda directa e a valorización dos produtos do mar de proximidade.

A peixería de Barallobre, situada no edificio da lonxa, está aberta de martes a venres, de 09:30 a 13:30 e os sábados de 09:30 a 12:00. A peixería incorpora ademais un acuario de grandes dimensións que combina función comercial e divulgativa, e dá continuidade a unha traxectoria iniciada en 2008 coa venda directa de marisco.

Esta iniciativa enmárcase nun modelo de cadea curta de comercialización que busca achegar o produto ao consumidor final, reducir intermediarios e mellorar os retornos para o sector. Dámoslles a benvida á marca!

Formación para futuros profesionais de peixerías na Confraría de Ferrol

As instalacións da Confraría de Pescadores de Ferrol acollen actualmente un curso de peixería dirixido á formación de novos profesionais para o sector. Esta iniciativa, organizada e promovida polo Concello de Ferrol, conta coa participación de 11 persoas de distintas nacionalidades, e favorece a integración e a capacitación laboral.

O curso ten un enfoque eminentemente práctico e inclúe un período de prácticas en establecementos comerciais, que se desenvolverá nas próximas semanas. Esta acción formativa dá resposta á crecente demanda de persoal cualificado no ámbito da venda de peixe, un perfil clave para garantir o relevo xeracional nas peixeirías tradicionais, tanto nas prazas de abastos como noutros puntos de venda especializados.

Hotel Restaurante Javier Montero

Damos a benvida á marca ao Hotel Restaurante Javier Montero, situado en Ribadeo (Lugo), que se incorpora coa súa aposta por unha cociña tradicional creativa.

Á fronte está Javier Montero, quen combina a súa experiencia profesional coas raíces da cociña herdada da súa nai, o que da lugar a unha proposta innovadora e con identidade propia. A súa oferta gastronómica baséase en produtos de tempada e de proximidade, e adáptase á dispoñibilidade do mercado en cada momento.

Os menús degustación evolucionan ao longo do ano, mentres que o equipo de sala ofrece un asesoramento personalizado para a selección de viños, completando así unha experiencia coidada e de calidade.

Envimar obtén a certificación ISO 22000:2018

Grupo Envimar NW S.L., empresa distribuidora situada na lonxa de Ribeira e certificada pola marca pescadeRías de onde se non?, vén de obter a certificación, o que reforza o seu compromiso coa seguridade alimentaria no sector pesqueiro.

Esta norma internacional garante un control rigoroso da inocuidade e da trazabilidade ao longo de toda a cadea, desde a recepción ata a entrega de produto fresco e conxelado. O sistema integra os principios APPCC e aposta pola mellora continua dos procesos.

Con este recoñecemento, Envimar consolídase como unha empresa aliñada cos máis altos estándares internacionais, ofrecendo unha garantía adicional de calidade e confianza para clientes e distribuidores.

Paula Pardo en Tripulación PescadeRías

Neste novo capítulo de Tripulación PescadeRías, coñeceremos de preto o traballo de Paula Pardo, oceanógrafa e técnica de prevención da Asociación Mar Seguro de Galicia.

Paula explicaranos o seu papel no servizo de prevención mancomunado e os principais riscos aos que se enfrontan as tripulacións da pesca de baixura. Tamén abordará as accións que desenvolve no ámbito da prevención en actividades de pesca e marisqueo, clave para a seguridade do sector.

Ademais, compartirá as incidencias máis habituais do seu día a día, e daranos unha visión próxima e realista da súa experiencia profesional.

Podes ver o vídeo aquí.

Plan de xestión do polbo 2026-2027

A Consellería do Mar vén de publicar a resolución pola que se aproba o Plan experimental para a xestión do polbo (Octopus vulgaris) para a campaña 2026/2027, que reforza un modelo baseado na sustentabilidade e na adaptación ao ciclo biolóxico da especie.

Entre as novidades destaca a limitación da pesca accesoria, medida que supón un avance relevante na protección do recurso. Mantense o peso mínimo de captura en 1 quilo por peza e establécense cotas diferenciadas ao longo da campaña para evitar a saturación do mercado.

Así, entre xullo e agosto o tope será menor, e incrementarase a partir de setembro. Ademais, fíxanse horarios de actividade regulados e mantense a veda previa como elemento clave de xestión.

Accede ao plan aquí.

Aperturas e peches de campaña

O pasado 30 de abril rematou a campaña do ourizo na confrarías con plan de xestión ou integradas en plans conxuntos.

Durante a campaña capturáronse 434 Tm desta especie. A Confraría de Carreira e Aguiño, co 10,48% do volume comercializado, liderou a primeira venda. A continuación, entre o 8-9% do volume de primeira venda sitúanse as lonxas de Lira, Baiona e Malpica.

Pola súa banda, o polbo iniciou o seu período de paro biolóxico, que se estenderá ata o 1 de xullo, para favorecer a explotación responsable da especie.

En paralelo, prevese a apertura da campaña da zamburiña na ría de Ferrol durante a primeira quincena de maio, condicionada aos resultados das análises de toxicidade.

Novo baremo do Permex

A Consellería do Mar aprobou un novo baremo para a obtención do permiso de explotación para o marisqueo a pé, co obxectivo de mellorar a valoración das solicitudes e reducir os empates que obrigaban a resolver mediante sorteo.

O novo sistema introduce cambios na ponderación da formación, a experiencia profesional e o empadroamento, e reforza criterios vinculados á capacitación e ao coñecemento do sector. Ademais, recoñécense novas actividades formativas como mérito.

Esta actualización, que substitúe ao baremo vixente desde 2013, busca facer o proceso máis obxectivo e adaptado á realidade actual do marisqueo en Galicia.

Accede ao novo baremo aquí.

Especie do mes: a navalla

A especie do mes é a navalla (Ensis magnus), un molusco bivalvo moi apreciado na gastronomía galega pola súa textura e sabor delicado. Caracterízase pola súa cuncha alongada e arqueada, que lembra á forma dunha navalla.

Habita enterrada en fondos de area e grava, en zonas intermareais e infralitorais, onde se captura habitualmente a mergullo. Trátase dun organismo rico en proteínas, vitaminas e minerais, cun baixo contido en graxas.

A navalla destaca tamén pola súa versatilidade na cociña, sendo á prancha unha das preparacións máis populares, aínda que admite múltiples elaboracións que realzan o seu carácter mariño.

Amplía aquí a información.